Sunday 05 de May de 2024

A Xunta celebra o Día Mundial da Biblioteca na Coruña con obsequios, maxia, narración oral e visitas guiadas


— Co gallo desta efeméride que se celebra o luns 24 de setembro, o centro xestionado pola Consellería de Cultura na Coruña organiza actividades para todos os públicos

— A programación está xa en marcha e inclúe mañá o obradoiro ‘Maxia ao cubo’ para á rapazada de entre 4 e 12 anos

— Todos os usuarios que durante a xornada do luns fagan uso do servizo de préstamo recibirán un libro gratuíto

A Xunta de Galicia impulsa unha ampla programación nos sete centros bibliotecarios xestionados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para celebrar o Día das bibliotecas este luns, 24 de outubro. Co gallo desta efeméride, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña acolle actividades para todos os públicos que inclúen desde un obradoiro de maxia ata pezas de narración oral, exposicións, visitas guiadas e obsequios.

A programación impulsada polo centro do Goberno galego na Coruña está xa en marcha e inclúe mañá o obradoiro Maxia ao cubo dirixido á rapazada de entre 4 e 12 anos. Trátase dunha actividade que terá lugar ás 12,15 horas e na que os asistentes poderán gozar da maxia de Raymon, premiado como mellor mago de España en 2016 e especialista en facer maxia con cubos de Rubrik.

Ademais, o propio día da efeméride a biblioteca acollerá unha visita guiada e a peza de narración oral Animaliños de Ramiro Neira que conta e dramatiza contos de tradición oral de todo o mundo. Por outro lado, na sala audiovisual desenvolverase a exposición Bibliotecas de cine, unha mostra que recolle películas nas que as bibliotecas teñen o protagonismo e que nos invitan á lectura.

Por último, como todos os anos, os usuarios que durante a xornada do Día das Bibliotecas fagan uso do servizo de préstamo recibirán un libro gratuíto.